Tipografía para xornais

Ron Reason

Nos últimos anos, a inmensa maioría dos xornais de todo o mundo atópanse inmersos nun proceso de transición para adaptarse aos novos tempos. O deseñador, consultor e profesor estadounidense Ron Reason achéganos este interesante artigo sobre un dos temas máis importantes no deseño ou redeseño de calquera xornal: a selección da tipografía para o texto. Estas consideracións están agrupadas en catro puntos principais: a economía (espacial) da tipografía, a integridade do seu deseño orixinal, as características técnicas de reprodución e os gustos do momento.


Como seleccionar a tipografía para o corpo do texto? Como ter en conta a redución da reixa a 50 polgadas? Máis que un problema de economía vs. lexibilidade

Desde Miami ata Seattle, desde Os Ánxeles ata Boston, cada vez son máis os periódicos en Estados Unidos que se están a redeseñar. Os editores andan á procura de deseños máis frescos como consecuencia dunha variedade de factores: a mellora da tecnoloxía de impresión, o cambio cara a novos sistemas de paxinación, a presión da competencia, e, cada vez máis, a redución da páxina a un formato máis estreito. (Nun esforzo por diminuír os custos de impresión, o próximo ano reduciranse os tamaños estándar dos módulos de publicidade que se usan na maioría dos xornais estadounidenses).

Cando se producen reaxustes, o persoal do periódico preguntase se debe, ou como debe, cambiar un elemento do deseño que xusto podería ser un dos máis apreciados polos lectores: o corpo do texto. Non hai respostas fáciles. Nunha época en que moitos xornais estan facendo malabarismos cos múltiples cambios —como formatos máis estreitos, aplicación da cor ou cambios na tipografía dos titulares— o corpo do texto semellará diferente se as súas características cambian. Os cambios nestas especificacións, incluídos os espazos en branco afectarán considerablemente á lexibilidade e á familiaridade do texto.

Comenta o deseñador/autor Tim Harrower que analizou a nova aparencia de The Oregonian lanzada a principios do 1999: “Á fin de contas, cando reduces a anchura da páxina tes que facer fronte a unha cuestión: se para gañar espazo reduces os elementos de deseño —titulares, fotografías e especialmente texto— podes sacrificar impacto e lexibilidade. Pero se se deixa todo igual, os reporteiros e os lectores pódense sentir enganados, xa que estaríase a eliminar entre un 5% e un 10% de cada artigo. Trátase dunha decisión perigosa e seguramente haberá alguén que se queixe polo cambio”.
Os seguintes puntos abranguen algúns dos criterios que os expertos en deseño teñen en conta no tratamento tipográfico para o corpo do texto.

Economía

Cantas letras e palabras se imprimen en cada liña? Por suposto, depende da elección da tipografía e do seu tamaño, pero tamén de factores técnicos como a partición de palabras e a xustificación. Moitos deseñadores buscan un mínimo de cinco ou incluso seis palabras completas por cada liña de texto nunha columna. Con menos de cinco palabras o ollo do lector comeza a estar en tensión. Isto seguramente sexa un desafío para unha páxina cunha área de imaxe reducida a 11 polgadas e media, especialmente se se traballa cunha reixa de 6 ou 7 columnas. (Por esa razón, moitos xornais están contemplando a utilización de 5 columnas nas páxinas abertas. Pero dentro das páxinas parcialmente cheas de anuncios, a maioría dos grandes xornais continuarían con 6 columnas).

“É extremadamente importante que o número de caracteres e o número de palabras por liña sexa alto,” comenta Deborah Withey, a antiga consultora de deseño dos xornais de Knight-Ridder. A cuestión está en establecer un tamaño de letra grande para maximizar a lexibilidade e ao mesmo tempo proporcionar un número suficiente de palabras por liña.
Algunhas tipografías permiten unha maior economía de palabras por liña que outras. A Charter de ITC e as novas coleccións de tipos de Poynter Readability para xornais teñen deseñada a altura do “x” para facer que a letra pareza máis grande ca outras tipografías cos mesmos puntos de tamaño.

“As tipografías de Poynter amais de ter unha gran altura do “x” (a parte máis importante do corpo da letra) son tamén distintivas e maxestosas,” opina Lucie Lacava, deseñador canadense de xornais que louvou a economía das tipografías de Poynter e que as recomenda vivamente. (Entre os seus traballos atópase o aclamado deseño para o National Post, o novo xornal canadense lanzado en 1998).

O envellecemento dos lectores dos xornais é unha causa de inquedanza para expertos como Mario García, que leva redeseñado xa máis de 450 xornais por todo o mundo nos últimos 25 anos. “Agora sempre emprego texto de 10 puntos en todos os proxectos, ao detectar un incremento de lectores nacidos a mediados do século XX que precisan lentes para ler e que probablemente continúen lendo durante outros 30 anos máis ou menos.”

Lucie Lacava agrega que “Máis grande é mellor!” Aconsella non se preocupar demasiado polo tamaño do punto. “Faga caso omiso do tamaño de punto, xa que é a altura do “x” (a aparencia visual) o que realmente importa.” (Nun redeseño) “nunca lle metas unha tipografía que resulte visualmente máis pequena que a que están acostumados a ler neste momento”.

Integridade

Nun esforzo por conseguir unha maior economía, os deseñadores adoitan empregar algunhas técnicas que os expertos desaconsellan.

A primeira denomínase condensación artificial do ancho dos caracteres. Mentres que algunhas tipografías poden resistir unha condensación por debaixo do 95% sen que se produza unha perda sensible de lexibilidade (en QuarkXPress esta característica chámase “escala horizontal”) son poucas as que poden aguantar unha condensación maior. Os propios deseñadores de tipos detestan esta manipulación dos seus deseños orixinais; en tipografías de calidade, cada detalle do deseño de cada letra foi coidadosamente considerado en función dos outros elementos. Ao ampliar as letras e palabras por liña, excesivamente condensadas —segundo os creadores— non se manterá esa integridade.

A segunda técnica chámase conversión anamórfica, ou redución desproporcionada do ancho e alto da páxina do xornal para que encaixe en páxinas de dimensións máis estreitas. Ambas as técnicas dan como resultado unha perda da integridade do deseño orixinal do tipo, e a miúdo, unha distorsión que provoca que a aparencia do tipo sexa torpe e difícil de ler. Aínda que algunhas tipografías poden sobrevivir a este proceso sen danarse relativamente demasiado, dependendo do seu deseño, outros elementos visuais como fotografías de caras de persoas, ou logotipos poden verse afectados. Como comentou Lacava: “Oops! A tipografía está ben, pero que pasou co logotipo neste anuncio de Mercedes?!”

A maioría dos xornais que consideraran o uso da conversión anamórfica desestimárona cando esas distorsións chegaron a ser evidentes nas probas de impresión.

Consideracións de produción

Existe unha variedade de consideracións técnicas que afectan a lexibilidade do corpo do texto, incluídas as seguintes:

Sistemas de paxinación: Ultimamente están aparecendo moitos periódicos con algúns sistemas de deseño de páxina que restrinxen o estilo da tipografía seleccionada para o corpo do texto. Por exemplo, os xornais que adoptan un sistema como o CCI a miúdo deben decidir moi pronto cal será a tipografía do corpo do texto, xa que gran parte do laborioso proceso de codificación xira en torno a esa decisión. “CCI pode traballar con calquera tipografía compatible co postscript de Adobe agás con multiple masters. Nós probamos todos os nosos tipos con este sistema e imprimímolos na prensa,” afirma Jeff Glick, director creativo do Sun-Sentinel, que adoptou o CCI.

“As ferramentas do CCI para axustar a tipografía están ben, pero non resultan fiables para solucionar os problemas que poidan xurdir no tratamento do tipo de letra. Eu recomendo efusivamente que se revise o sistema de kern da tipografía (creando pares de kerning adicionais ou editando aqueles que xa estean establecidos) antes de cargalo no seu sistema de paxinación e nos servidores asociados, nos dispositivos de saída e nas estacións de traballo. Podes obter unha tipografía máis estrita e eficiente.” Esta atención ao detalle é recomendable tanto para as tipografías nos titulares como no corpo do texto.

Calidade da prensa: Se o teu papel está impreso en tipos móbiles, en flexografía ou en offset, isto afectará o corpo do texto que escollas. Os detalles finos que se poden acadar co offset, por exemplo, non é posible conseguilos con tipos móbiles (que a miúdo contan xa cunha idade avanzada, así como cunha tecnoloxía máis primitiva). Calquera mellora na tecnoloxía de impresión pode requirir unha nova tipografía para o corpo do texto.

O Sun-Sentinel dediciu cambiar a tipografía de texto nun recente redeseño, en parte porque a tipografía orixinal fora escollida porque funcionaba mellor en prensas máis vellas. Segundo Glick “A tipografía parecía demasiado áspera e rudimentaria” cando se imprimía o xornal en offset, malia que esta estivera funcionando dende 1989. Probáronse cinco tipografías distintas antes de escoller a Imperial, con 10 puntos de tamaño e 11 de interliñado.

A serie de Poynter, ademais dunha gran altura do “x” presenta unha gama de pesos que os usuarios poden escoller. A serie foi deseñada en parte para darlle aos usuarios a opción de imprimir en distintas calidades de prensa. “Encántame ter a posibilidade de usar o peso apropiado de entre todas as opcións incrementais que hai,” comenta Lacava. “Cada tipografía de texto debería achegar opcións de peso”.

Velocidade de impresión: Aínda que na maioría dos redeseños implicaría a utilización da prensa para realizar probas durante prazo limitado, a miúdo a unha velocidade máis reducida, isto non ten porque se reflictir na calidade de impresión en condicións normais. Un editor advirte de que non se debe confiar demasiado nos tests de prensa cando se executan a velocidade lenta e para grupos seleccionados para a súa avaliación.

Segundo comenta Peter Bhatia, editor executivo do recentemente redeseñado The Oregonian: “Mentres que a tipografía no noso novo deseño parecía limpa e lexible, e mesmo acadara a aprobación dos grupos seleccionados que examinaron o prototipo, unha vez que se imprimiu na prensa real, a calidade e o detalle non eran tan bos.” Despois do lanzamento da nova aparencia, un bo número de lectores responderon negativamente cando o xornal lles pediu as súas opinións; o equipo contraatacou aumentando o tamaño do tipo. Agora, di Bhattia, os lectores parecen estar acostumados ao novo texto, así como a outros elementos actualizados do deseño.

Gusto

Por último pero non menos importante, calquera texto impreso en prototipos de deseño provocará comentarios do tipo “gústame/non me gusta” por toda a redacción —e a sala de xuntas— que determinará en última instancia o camiño que se escollerá. A miúdo, o impacto ao ver algunhas propostas novas fai que nos parezan raras e non nos resulten moi familiares. É unha boa idea deixar repousar un pouco a nova aparencia e revisar as propostas léndoas de novo uns días ou semanas máis tarde. E asegúrate de que a decisión está tomada baseándote en noticias actuais (non en textos en grego!) impresas no papel de periódico. As copias simuladas impresas en papel de oficina branco cunha impresora láser non proporcionan unha aparencia exacta do que despois aparecerá no xornal cos textos que imprimas.

Un pequeno consello posto en práctica por Glick no Sun-Sentinel: advertir aos lectores. “Comezamos unha semana antes do lanzamento, mandando artigos e noticias cos cambios incorporados e o proceso culminou cunha columna do editor do xornal o día do seu redeseño” dixo Glick. Deste xeito, o xornal xogaba coa vantaxe de acostumar aos lectores a un incremento perceptible do tamaño do texto. “Ao final foi todo moi ben. A maioría dos lectores responderon positivamente”.

© Ron Reason (2006)

Artigo traducido por Laura Rubio a partires do artigo orixinal en inglés: Newspaper Body Text


Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento 2.5 España de Creative Commons.
Páxina web creada por Oscar Otero (oom!)