A gran controversia tipográfica na Web 2.0

Max Kiesler

Unha das características da chamada "Web 2.0" (termo co que se denomina á nova filosofía na creación de páxinas web) é o uso de tipografías de gran tamaño e moi contrastadas co fondo. Max Kiesler fai unha análise desta situación explicando por que se chegou ata aquí e que se debe facer a partir de agora.


Sempre te preguntaches por que moitas das novas páxinas web teñen tipografías xigantes cun gran contraste? Será polos deseñadores web máis vellos ou quizais sexa un grupo de xoves deseñadores que están intentando ir á moda? Aínda que nalgúns casos poida ser por una desas razóns, eu diría que os verdadeiros culpables son os deseñadores que basean as súas decisións tipográficas na investigación (esperanzadamente).

Contrariamente ao que se adoita pensar, a maioría dos deseñadores web ben educados fíxanse nas investigacións de lexibilidade de HCI e da UI para determinar as solucións tipográficas dun sitio web. Existe actualmente unha tendencia no deseño web de empregar grandes tipografías cun alto contraste. Hai moitos blogs e outras páxinas que debaten sobre as webs da próxima xeración. Un comentario que se atopa repetidamente é o de “realmente precisas diminuír o tamaño de texto? Que pasa coas tipografías xigantes?” Eu teño as miñas propias razóns para usar tamaños grandes nos textos no meu blog e posto que había moitos deses comentarios (na miña web e noutros sitios) quixen investigar e compartir algúns dos resultados deste tema.

En moitos casos, creo que o uso recente de enormes tipografías moi contrastadas é unha reacción directa ás últimas tendencias tipográficas en deseño web. A moda das tipografías pequenas de baixo contraste comezou coa aparición do CSS ao facilitar considerablemente o formateo do texto e conseguir unha gran variedade de tratamentos tipográficos. Mentres que os deseñadores web sempre utilizaron pequenas tipografías de baixo contraste a modo estético, particularmente en páxinas de arte, a moda explotou realmente ao utilizar o CSS nos blogs (como por exemplo Zeldman) e noutros sitios xerados dinamicamente que usaban esas follas de estilo en cascada. Este paradigma chegou a ser frecuente ao mesmo tempo que os estándares web predicaban o contrario: que as tipografías debían ser lexibles e non de baixo contraste, ou polo menos ofrecer unha versión alternativa no CSS para unha versión de alto contraste. Existen outras tendencias nos últimos anos que influenciaron o cambio actual. No seu artigo “Deseño 2.0: Minimalismo, Transparencia e Ti”, o meu socio Emily Chang escribe sobre un cambio lonxe do deseño recargado e a favor da simplicidade, a utilidade e o minimalismo.

No artigo de Jakob Nielsen “Os dez maiores erros do deseño web de 2005” indica que “as malas tipografías gañaron a enquisa por maioría absoluta, conseguindo case o dobre de votos que o erro número 2. Case dous tercios dos votantes se queixaron polos tamaños de letra pequenos ou fixos; preto da metade queixouse polo baixo contraste entre o texto e o fondo”. Aínda que non sempre estou de acordo con todo o que o señor Nielsen di sobre o deseño web, os seus estudios teñen en conta a un gran número de usuarios. Persoalmente, neste caso non podía estar máis de acordo cos seus resultados. Moitas veces cando estou no meu ordenador portátil teño que desactivar as follas de estilo para ler o contido. Do estudio de Jakob dedúcese que para a maioría dos navegantes de internet a lexibilidade e os textos pequenos non son compatibles.

En 2000, Michael Bernard e Melissa Mills da Usability Research Laboratory na Universidade do Estado de Witchita fixeron un estudio titulado “Así pois, que tamaño e tipografía empregaría na miña páxina web” incluíndo tamaños de varios puntos, tipos de letra e tipografías suavizadas e sen suavizar. O tamaño máis popular foi de 12 puntos, sen embargo, hai que ter en conta que o estudio foi realizado en 2000, cando a resolución de pantalla máis popular era de 800×600.

Segundo OneStat.com, a resolución actual máis popular é de 1024×768 que conta co 57,38% dos usuarios. O seguinte conta soamente co 18,23%. Eu diría que se o tamaño de letra preferido en 2000 era de 12 puntos, o mellor tamaño actual fora polo menos de 14 ou senón 1em ou 16 puntos. Esto é así porque os outros 20% dos usuarios na estatística de OneStat.com estaban con resolucións maiores a 1024×768. A tendencia da web 2.0 do texto de 16 puntos xa ten unha base.

Para as resolucións de pantalla de 800×600 que abarcan case o 20% do mercado, os deseñadores deben prever e ofrecer un modo fácil aos visitantes de cambiar o tamaño de letra. Zeldman e Nielsen foron os autores dun método que cambia a folla de estilo. Non todo o mundo que navega por internet sabe reducir o tamaño de texto do seu navegador e esta é a mellor maneira de asegurar a lexibilidade de cada visitante. Débense empregar sempre porcentaxes ou ems como medida tipográfica de modo que o texto se poida redimensionar e adaptar ao navegador se fose necesario.

Como conclusión, as tipografías dun maior contraste poden aumentar a lexibilidade, utilidade e o rango de idade dos visitantes do teu sitio web. Se se empregan letras grandes é unha boa idea o incluír un estilo alternativo para diferentes resolucións. Teño que admitir que son culpable por non facer eso mesmo na miña web polo que pronto instalarei un sistema para correxilo.

Artigo traducido por Oscar Otero. Versión orixinal (en inglés): The Web 2.0 Big Font Controversy


Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento 2.5 España de Creative Commons.
Páxina web creada por Oscar Otero (oom!)