Tipografía clave dentro do estilo moderno aparecido a finais do século XVIII e que supón a culminación de 300 anos de evolución da tipografía romana. O seu deseñador, Giambattista Bodoni (Parma, 1740-1813) foi denominado Rei dos Impresores grazas á exquisita calidade dos seus impresos. Os precursores dun estilo similar eran as tipografías de Pierre Simon Fournier e a Didot. A súa aparición desprazou ás tipografías antigas e transicionais grazas ó enorme contraste existente entre as liñas finas e grosas, os seus remates delgados e rectos e a súa aparencia clara e racional. Entre as versións existentes hoxe en día, a máis lograda é a Bauer Bodoni, deseñada en 1926 por Heinrich Jost para a Fundición Bauer. As súas formas son máis parecidas ás orixinais e teñen unha elegancia e delicadeza que non teñen outras versións. Outros tipógrafos como Morris Fuller Benton (1914-16, para a American Type Founders) ou Berthold Staff (1930) tamén fixeron versións da Bodoni.