Tipografía deseñada por Charles Bigelow e Kris Holmes en 1993 como ampliación á familia Lucida que crearon en 1985. Esta última foi unha das primeiras familias en ter unha subfamilia con serifas e outra sen elas, e foise ampliando con outras variedades enfocadas a multitude de aplicacións, sempre tendo en conta a lexibilidade, especialmente en baixas resolucións como pantallas de ordenador ou máquinas de fax. A familia Lucida Console foi creada para utilizar en interfaces e programación. Son caracteres monoespaciados cunha gran altura do “x”. Entre a súa ampla gama de aplicacións inclúese formularios, táboas, fax, carteis, etc. En tamaños grandes (a partir de 14 puntos), é recomendable restar o tracking para compensar o monoespaciado e darlle un aspecto máis apertado, mentres que se usamos todo maiúsculas pódese incrementar un pouco o espaciado, xa que por defecto ten o mesmo que as minúsculas. Pódese combinar sen problemas con outros membros da familia Lucida como a Lucida Fax ou Lucida Bright en tamaños pequenos e baixa resolución.