Tipografía deseñada en 1988 por Sumner Stone en colaboración con Bob Ishi (de Adobe), e que forma parte da macro familia Stone. Esta trátase dun conxunto de tres subfamilias: a Stone Sans (sen serifas) a Stone Serif (con elas) e a Stone Informal, cunha aparencia máis inusual, creadas para solucionar o problema da mestura de varias tipografías distintas na mesma páxina que pode levar a incompatibilidades na proporción, grosor de trazos, altura das maiúsculas, etc. Estas tres familias poden combinarse sen problemas xa que todas posúen a mesma altura do “x”, ascendentes, pesos e proporcións. A Stone Informal foi creada despois de que Sumner Stone recibira un gran número de faxes e cartas impresas en impresoras láser. Daquela deuse conta da necesidade dunha tipografía apropiada para ese tipo de comunicación persoal e de negocios. O resultado foi esta letra con serifas moi lexible, moderna e amigable, cunha certa aparencia caligráfica proporcionada por detalles como a forma do “a” minúsculo ou a do “g” que non teñen nada que ver coas típicas letras romanas. A versión itálica resulta máis informal aínda ao suprimirlle algunha das serifas como a do “f” ou unha das do “h” e inclinar as outras serifas inferiores en alusión ao típico remate con pluma caligráfica.


Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento 2.5 España de Creative Commons.
Páxina web creada por Oscar Otero (oom!)