Este abecedario caligráfico foi creado polo deseñador francés Roger Excoffon en 1953 para a fundición Olive. As súas formas están sacadas directamente da súa escritura manual, destacando pola unión dos caracteres minúsculos. O seu nome débese aos ventos fortes e fríos da zona meridional de Francia. A intención inicial de Excoffon era a de crear unha tipografía cun verdadeiro estilo manuscrito obtendo como resultado unha letra de pincel. Colin Brignall e Phill Grimshaw pensaron que unha versión máis lixeira semellante á letra feita con pluma sería máis caligráfica que a orixinal, así que Grimshaw estudiouna e comezou unha nova versión reducindo uniformemente o peso total preto dun 30 por cento. O resultado, aínda que máis lixeiro, non foi satisfactorio xa que a tamaños pequenos os trazos máis finos desaparecían. Para solucionar este problema aumentou o peso de todos os trazos finos conseguindo un tipo máis lexible, a Mistral Light. Ademais creou unha versión de maiúsculas e versaletas para dar énfase ao texto, xa que unha tipografía caligráfica non pode ter versión cursiva. Tanto a orixinal, máis grosa, como a versión lixeira de Grimshaw funcionan bastante ben en proxectos de exhibición e en titulares.