Tipografía creada por Lars Harmsen xunto con Ulrich Weiss e Boris Kahl para a fundición alemá Volcano Type durante os anos 2003-2004. Trátase dunha homenaxe ás vítimas do xenocidio de Camboxa (1975-1979), onde morreron uns 1,7 millóns de persoas (o 21% da poboación do país), converténdose nunha das peores traxedias do século XX. A Universidade de Yale iniciou en 1994 o Cambodian Genocide Program, un proxecto onde se recollen biografías, fotografías, documentos, mapas e todo tipo de información para aprender o máximo posible sobre a traxedia e axudar a determinar os responsables dos crimes efectuados baixo o réxime comunista dos Xemeres Vermellos, liderados por Pol Pot. Entre a súa base de datos atópanse máis de cinco mil imaxes das víctimas da prisión de Tuol Sleng de Phnom Penh, o centro de exterminación coñecido como “S-21”. Alí fotografáronse os presos que ingresaban na cadea para ser posteriormente interrogados e executados. O que máis impresionou ó deseñador foi o feito de que moitas das vítimas non teñen nome, só son un rostro cun número, polo que ao crear unha tipografía con estas imaxes foi como darlles unha identidade. A tipografía pódese baixar gratuitamente da web de Volcano Type enchendo un formulario para recibila posteriormente por correo electrónico.

Ligazóns


Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento 2.5 España de Creative Commons.
Páxina web creada por Oscar Otero (oom!)