Deseñada por Zuzana Licko en 1986 para a fundición Emigre, está baseada nas proporcións da tipografía de mapa de bits Emigre Fourteen, de catorce pixels de alto (desde a liña base ata as ascendentes). Data de cando os ordenadores dispoñían de pouca memoria debido ao seu alto prezo e eran moito máis lentos que os actuais. Aínda que está baseada nas proporcións clásicas, o que fai que manteña a lexibilidade no texto, as suas formas están construídas de xeito que consuma o mínimo posible de memoria no ordenador, limitándose aos puntos máis esenciais. Por exemplo, as serifas curvadas consumen máis memoria que as liñas rectas, polo tanto, estas reducíronse a simples liñas diagonais, co que riquiren incluso menos puntos que as serifas cadradas. Ademais, as diagonais de 45º, usadas nesta tipografía, proporcionan o contorno máis liso que pode xerar unha impresora láser. Desta maneira temos unha tipografía que consume moi pouca memoria na impresora polo que a transmisión de datos faise de xeito moito máis rápido. Cos ordenadores e impresoras actuais non temos ese problema de memoria aínda que a súa elegancia e curiosas formas, alén da amplitude da súa familia explica que aínda sexa utilizada hoxe en día e mesmo quedase no posto 21 no ranking das 100 mellores tipografías da historia segundo FontShop.