En 1938, Frederic W. Goudy deseña unha tipografía para a Universidade de California Press situada en Berkeley e chamoulle California. Esta universidade aínda conserva a tipografía orixinal, que foi publicada por Monotype en 1956 aínda co seu nome orixinal. En 1983, Tony Stan redeseñouna para ITC mantendo moito do deseño orixinal pero engadíndolle características doutros tipos como a Kennerley, Goudy Oldstyle e a Deepdene e cambiándolle o nome a Berkeley Old Style. Trátase dunha tipografía deseñada expresamente para ser utilizada en texto. Por iso, coidouse especialmente o equilibrio entre os distintos pesos. A versión Book e Medium están moi preto unha da outra, mentres que entre estas e as Bold e Black existe un salto máis grande xa que estas últimas están destinadas a dar énfase e contraste. Tipografía clara e lexible, cunha aparencia clásica e elegante.