Deseñada por Adrian Frutiger en 1968, a OCR B poderíase definir como a resposta europea á OCR A difundida nos Estados Unidos e considerada polos europeos, cunha maior tradición tipográfica, unha caricatura do noso alfabeto. Está realizada baixo unha retícula de 18×25 campos, case 4 veces máis fina que a da OCR A, polo que requiría unha capacidade de proceso moito maior para ser lida por unha máquina. Spencer e Reynolds, nun artigo sobre lexibilidade, consideran a OCR B como un bo exemplo de tipografía de pao seco lexible “porque nela se lle da prioridade ao humano”. A súa construcción segue as normas ISO 1073/II-1976 (E) e en 1973 fíxose estándar mundialmente.