Tipografía deseñada no século XVIII por John Baskerville, un tipógrafo inglés dotado dunha gran delicadeza, elegancia e claridade no deseño de tipos e composicións das páxinas. A excelente calidade das súas impresións influenciou a grandes tipógrafos como Didot ou Bodoni. Porén, despois da súa morte, os seus tipos permaneceron descoñecidos durante máis de 150 anos, ata que os rescatou Bruce Rogers, un deseñador norteamericano, reeditándoos para Monotype en 1924 e Linotype en 1931. O tipo Baskerville posúe unhas proporcións xenerosas. A maior diferenza entre esta e as tipografías anteriores radica nunha maior diferenza entre os paus finos e grosos. Trátase dunha tipografía lexible e clara, moi apropiada para libros de texto.