O rexurdimento da Ibarra

En 1993 naceu un proxecto para a recuperación dunha tipografía antiga en colaboración co Instituto Tecnolóxico de Aragón. Este foi executado por Juan Ignacio Pulido e Sandra Silvia Baldassarri, dirixidos por Francisco José Serón. O tipo escollido foi un dos creados polo gran impresor zaragozano do século XVIII Joaquín Ibarra Y Marín. Aquí se mostra lixeiramente todo o proceso de execución, explicado máis detalladamente na súa páxina web.


A ninguén lle sorprende que a impresores de renome internacional como Didot, Bodoni, Garamond, Baskerville ou Caslon se lles recoñecera a súa labor e sexan as súas tipografías algunhas das máis empregadas na actualidade.

En España existiron grandes impresores, como Sancha, Monfort, Cano, Miedes ou Magallón, pero durante o século XVIII o más importante foi sen dúbida Don Joaquín Ibarra y Marín, nacido en Zaragoza en 1709. Dirixiu os talleres da imprenta real e alcanzou co seu traballo prestixio internacional.

Como homenaxe á súa persoa recuperouse unha das tipografías coas que imprimiu as súas más fermosas obras, entre elas o libro coñecido como “Salustio” (Crispo). Esta tipografía foi o resultado dunha labor de deseño conxunta entre Joaquín Ibarra y Marín e o gravador Don Antonio Espinosa de los Monteros.

O proceso de recuperación

O primeiro paso deste proceso consistiu en seleccionar un conxunto de caracteres o máis completo posible a partires dunha edición facsímile do Salustio (Crispo) impreso por Joaquín Ibarra.

Dado que a tecnoloxía da época para a imprenta non podía asegurar que unha mesma letra ofrecese sempre a mesma aparencia, obrigou a seleccionar 5 mostras para cada caracter con obxecto de reconstruílo o más acertadamente posible.

Posteriormente elixiuse un conxunto de ferramentas software que permitisen obter unha fonte lista para ser empregada nunha impresora ou nunha filmadora. As ferramentas seleccionadas foron:

  • Adobe Photoshop 2.5.0 (desenrolada por Adobe Systems Inc.) utilizado para realizar a reconstrucción dos caracteres.
  • FontStudio 2.0 de Letraset (desenrolado por AB Vista) capaz de xerar os formatos PostScript (Tipo 1, Tipo 3) e TrueType para Mac.
  • Metamorphosis Pro 2.02 da marca Altsys empregado para converter fontes deseñadas para un entorno Mac a fontes para un entorno PC.

Estas ferramentas unidas a 900 horas de traballo permitiron realizar a tarefa proposta.

Fase 1. Caracteres en soporte fotográfico

As marcas que deixan os tipos de chumbo manchados de tinta ao tocar o papel dista moito da perfección do molde empregado para a fundición dos mesmos. Por iso, escanáronse cinco exemplos distintos de cada caracter independentemente.

Fase 2. Reconstrucción de moldes

Para cada letra dispoñible, e partindo dos cinco caracteres escanados, constrúese outro (o molde) utilizando as partes máis correctas que se puideron detectar.

Fase 3. Parametrización da tipografía

Con obxecto de obter os valores característicos que definen o estilo homoxéneo da tipografía, analizáronse e deducíronse as proporcións a partires das medidas dos caracteres dispoñibles.

Fase 4. Vectorización dos contornos

Nesta fase realizáronse varios intentos.

Intento primeiro: Utilizouse o vectorizador automático do FontStudio. Como o resultado non se considerou con suficiente calidade foi necesario seguir mellorándoo.

Intento segundo: Procurouse corrixir manualmente as imperfeccións que aparecían. Aínda que se observaron melloras evidentes, non se alcanzou la exactitude requirida e o máis importante é que os trazos comúns típicos da letra Ibarra non eran coherentes entre os caracteres. Polo tanto había que seguir.

Intento terceiro: Analizáronse cada un dos caracteres, obtivéronse os trazos comúns de cada familia e redeseñáronse todos os caracteres con esta nova información. Deste modo logrouse a coherencia dos trazos, obténdose así as características do estilo desta tipografía.

Fase 5. Deseño de caracteres inexistentes

Unha vez obtidas as definicións xeométricas dos contornos, en base aos trazos de todos aqueles caracteres do alfabeto dos que se dispoñía de reproducción fotográfica, definíronse algúns caracteres do alfabeto dos que non se dispoñía de ningunha impresión e polo tanto de ningunha reproducción fotográfica. Para eso utilizáronse as regras de deseño tipográfico e os detalles característicos desta tipografía.

Fase 6. Completar a familia de símbolos

Para poder completar o resto dos caracteres que hoxe en día se poden empregar dende un punto de vista da autoedición (símbolos como o copyright, o dólar, a estrela, o maior, a diéreses, etc) e dado o pouco tempo que se tiña, optouse por tomalos e retocalos doutra familia que estivera amplamente estendida e tivese certa semellanza coa Ibarra, neste traballo seleccionouse a letra Times.

Fase 7. Interletraxe

Os textos escritos caracterízanse dende un punto de vista estético en canto á tipografía se refire, polo equilibrio existente no espacio que teñen as letras entre si, o espacio que hai entre as palabras e o espacio entre as liñas.

Para conseguilo, realizouse un intenso estudio; en primeiro lugar asignáronse os anchos e laterais ás letras e posteriormente definiuse o interletraxe entre cada par de letras (kerning).

Fase 8. Construcción de bitmaps

A tecnoloxía actual reduciu a necesidade de ter que xerar os mapas de bits (bitmaps) á hora de presentar os caracteres na pantalla dun computador, xa que estes pódense calcular de forma automática. Pero no noso caso e con obxecto de mellorar a calidade dos textos en pantalla, decidiuse calcular automaticamente e posteriormente retocar á man, os mapas de bits de 9, 10, 12, 14, 18 e 24 puntos, para cada carácter e cada familia.

Fase 9. Normalización das fontes

Unha vez finalizado o proceso, empaquetáronse as fontes, tanto as definicións xeométricas de contorno (outlines) como as de pantalla (bitmaps), en formato PostScript Tipo 1 e en formato TrueType, para os entornos Mac e PC.

Fase 10. Control de calidade

Por último, realizouse un gran número de test de calidade estándares, que puxeron a proba o traballo realizado e permitiron detectar algúns erros que foron finalmente arranxados.

Conclusión

A tipografía “Ibarra” que vira a luz con esplendor alá polo 1770, e que deixou de ser utilizada preto de 1.965, unha vez revitalizada volveu ao seu sitio natural, iniciando a súa nova andadura en San Francisco poucas semanas antes do día 23 de Abril de 1993.


Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento 2.5 España de Creative Commons.
Páxina web creada por Oscar Otero (oom!)