Esta tipografía forma parte da macro familia Rotis, formada por 4 subfamilias: Rotis Sans Serif, Rotis Semi Sans, Rotis Semi Serif e Rotis Serif. Foi o último deseño do alemán Otl Aicher, creado en 1989 para Agfa Compugraphic, xa que morrería en 1991. O seu nome, Rotis, foille posto pola vila situada en Allgäu onde viviu Aicher dende 1972. A súa principal meta era crear unha tipografía que valera para case calquera propósito. As diferentes familias pódense combinar perfectamente entre si, xa que comparten moitas características como o peso, altura e proporcións, dándolle unha gran consistencia e flexibilidade. Posúe algúns caracteres redondeados cun certo tratamento caligráfico, que é constante en todos os estilos. A súa gran lexibilidade faina moi válida como tipografía de texto en aplicacións como libros, revistas, documentación, periódicos, etc, aínda que tamén é moi apropiada para proxectos de exhibición como carteis, publicidade, deseño corporativo e multimedia.


Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento 2.5 España de Creative Commons.
Páxina web creada por Oscar Otero (oom!)