Esta tipografía forma parte da macro familia Rotis, composta pola Rotis Serif, Rotis Sans Serif, Rotis Semi Serif e Rotis Semi Sans. Foi creada por Otl Aicher en 1989 e pódese considerar como a única familia composta de 4 subfamilias que abarcan dende a versión sen serifa ata con ela, con dous pasos intermedios e mantendo as mesmas proporcións, grosores e pesos. Isto permite que se poidan combinar entre si sen cambios bruscos. A versión Semi Sans non ten serifas, igual que a Rotis Sans Serif, pero a diferenza desta, presenta alternancia de paus finos e grosos cunha modulación vertical, igual que a familia Rotis Serif. Unha das características máis identificativas da Rotis e que se pode apreciar en todas as súas variantes é a forma tan singular do “C”, “G”, “e” ou do “c”, cunha forma máis cadrada na parte superior mentres que na inferior é máis redondeada caendo cara á dereita. Moi apropiada para deseño corporativo, de exhibición e multimedia.