A primeira versión desta tipografía foi cortada pola fundición Wagner en 1969 para o Studio Hollenstein en París. En 1976 os deseñadores franceses Albert Boton e Albert Hollenstein crearon unha versión para ITC. Trátase dunha tipografía sen serifas cunha lixeira inclinación e variacións no grosor dos trazos que lle dan unha aparencia moi singular. Para o seu deseño inspiráronse nas letras lapidarias gregas e nas capitais romanas gravadas na pedra. A combinación de curvas pouco pronunciadas e un interletrado moi estreito acentúa as grandes áreas abertas nos interiores das letras. Transmite unha lixeira espontaneidade debido á ausencia de formas exactamente xeométricas. Trátase dunha tipografía altamente lexible cunha gran altura do “x” que resulta moi apropiada como tipografía de exhibición aínda que tamén é moi cómoda de ler en revistas e folletos. En 2002 Gayaneh Bagdasaryan desenvolveu unha versión cirílica para a fundición ParaType.