Deseñada en 1990 por Erik Spiekermann como a tipografía ideal para unha comunicación eficiente nos impresos de oficinas e empresas, pronto se fixo moi popular en moitas máis áreas. A familia Officina conta con dúas subfamilias que aumentan a súa flexibilidade: a Officina Sans, sen serifa e a Officina Serif con ela. O seu estilo está baseado no das tipografías das máquinas de escribir tradicionais pero cunha aparencia moito máis moderna e tecnolóxica. Nun principio contaba unicamente con dous pesos, suficientes para o seu uso en oficinas, aínda que segundo foi abarcando máis áreas como publicidade ou revistas, foi necesario facer máis pesos entre os orixinais Book e Bold. Para crear estes novos pesos ademais doutras variantes como capitulares, Spiekermann contou coa colaboración de Ole Schaefer, director tipográfico e deseñador en MetaDesign. A Officina Sans é tremendamente lexible debido ó seu coidado espaciado, a gran altura do “x” e as súas formas optimizadas para que se poidan imprimir perfectamente en sistemas de baixa resolución como fax e pantallas de computador.


Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento 2.5 España de Creative Commons.
Páxina web creada por Oscar Otero (oom!)