Creada polo equipo de deseño da fundición Monotype en 1995, está baseada nunha tipografía máis condensada aínda chamada Schmalfette Grotesk, deseñada por Walter Haettenschweiler e que foi moi popular da década de 1960. Esta foi vista por primeira vez nun espléndido libro chamado “Lettera” de Walter Haettenschweiler e Armin Haab. A Schmalfette Grotesk (“schmalfette” significa “negriña condensada” en alemán e “grotesk” indica a ausencia de serifas) era un alfabeto moi condensado con todas as letras maiúsculas y que foi inmediatamente adoptado polos deseñadores da revista “Paris Match” para empregar en titulares. Debido á popularidade dese estilo, pronto comezaron a aparecer outras tipografías extracondensadas e con gran peso como a Helvética imitando á Schmalfette orixinal. Photoscript fixo unha versión con minúsculas e máis tarde sacaron outra versión menos condensada chamada Haettenschweiler Extended en tributo ao deseñador orixinal. Debido ó seu peso e aos finos espazos internos, débese empregar en tamaños grandes como titulares ou carteis.


Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento 2.5 España de Creative Commons.
Páxina web creada por Oscar Otero (oom!)