Tipografía gratuíta deseñada por Peter Hoffmann en 2001 e utilizada por primeira vez no libro Index Schrift de Ralf Hermann. Cun estilo inspirado nas letras dos carteis das estradas, trátase dunha tipografía limpa e clara. As súas formas posúen unhas proporcións clásicas e existen varios detalles curiosos en moitas das letras como o “g” minúsculo, a esquina inferior redondeada do “b” minúsculo ou o trazo recortado do “a”. Os caracteres numéricos son elzevirianos (minúsculos) e conta con moitos dos signos de puntuación máis comúns. A familia está formada por dúas variantes: a Regular e a Italic e pódense descargar libremente na páxina do autor.