A orixe desta tipografía débese ao encargo que recibiu Adrián Frutiger en 1968 para deseñar un sistema de sinalización acorde coa arquitectura do novo aeroporto de Charles de Gaulle ás aforas de París. Aínda que todo o mundo pensaba que utilizaría a súa famosa letra Univers, Frutiger decidiu crear un novo tipo sen serifa, que cumprira os requisitos de lexibilidade dun aeroporto, como o seu fácil e rápido recoñecemento a grandes distancias, tanto vista de fronte como en ángulo. O resultado foi unha tipografía simple, clara e robusta, que cumpría perfectamente o seu obxectivo. En 1976 ampliou a familia para a fundición Stempel e foi chamada Frutiger. Esta tipografía non é estrictamente xeométrica nin humanista, as súas formas están deseñadas para que cada caracter individual sexa recoñecido facilmente. Aínda que nun principio fose pensada para o seu uso a grande escala en aeroportos, a súa enorme calidade fixo que moitas marcas se apropiaran dela e hoxe en día é unha das tipografías preferidas nas axencias de publicidade e estudios de deseño. O seu uso é case universal, funcionando perfectamente tanto en titulares e carteis como en grandes bloques de texto.

Ligazóns


Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento 2.5 España de Creative Commons.
Páxina web creada por Oscar Otero (oom!)