Trátase dunha tipografía moi elegante e lexible, mestura entre a obxectividade dos tipos de pao seco e o estilo e claridade das letras con serifas. Foi creada por Hermann Zapf para a Fundición Stempel, conseguindo un deseño humanista con formas afiadas, evocadoras da pluma caligráfica. Entre as súas influencias podemos citar os alfabetos gravados en pedra na Roma Antiga, así como as tipografías propias de comezos do renacemento. En 1950 fixo os primeiros bosquexos mentres visitaba a igrexa de Santa Croce, en Florencia, vendo unhas letras que foran gravadas no chan en 1530. Como non tiña ningún papel consigo, tivo que debuxar as letras en dous billetes que levaba. En 1952, despois de numerosas probas de lexibilidade, acabou os primeiros debuxos e sería finalmente cortada por August Rosenberger en 1958. Era a tipografía preferida de Zapf, que a utilizou para deseñar a tarxeta de invitación da súa voda. En 2002, xunto con Akira Kobayashi, Hermann redeséñaa de novo, axustándoa e expandindo a familia, dando como resultado a Optima Nova.